IV Festa Gastronómica do Caramuxo e Festas Patronais de Pedornes (Oia)


A Asociación de Veciños “A Muruxeira” de Pedornes (Oia) organiza a IV Festa Gastronómica do Caramuxo (Mincha ou Bígaro), coa colaboración da Asociación Cultural “San Mamed”, do Concello de Oia, e dos veciños de Pedornes. Dita festa celebrarase os vindeiros días 31 de Xullo e 1 de Agosto a partir das 12 da mañá no terreiro e no Centro Cultural de Pedornes (praza do Calvario). Nela preténdese dar a coñecer un produto típico da nosa bisbarra e de exquisito paladar, que foi tradicionalmente consumido pola xente das poboacións ribeireñas, alomenos no Concello de Oia.

Os caramuxos poderanse degustar cocidos, en empanada ou nun arroz mariñeiro. Ademais, tódolos asistentes poderán degustar “Polbo a Feira”, empanada de polbo, zorza, luras ou chocos a prancha a prezos populares, nas mesas instaladas para tal fin baixo unha gran carpa, habendo tamén un servizo de cantina que funcionará os dous días. Este ano tamén haberá algúns doces para a sobremesa.

O sábado día 31 de Xullo, a partir das 20.00 h a festa estará animada polo Grupo “Os Beiramiño” de Tomiño.

O domingo día 1 de Agosto, a partir das 13:00 actuará o Grupo “Airiños do Tamuxe” de Loureza (Oia). Ademais, contaremos os dous días coa actuación do grupo “A Muruxeira” de Pedornes.

As festas de Pedornes rematan o sábado día 7 de Agosto honrando o seu patrón “San Mamed” cos actos e actividades organizadas pola Asociación Cultural “San Mamed”.

O programa inclúe:
10.00 h Recorrido polas rúas do pobo da Banda de Música Municipal de Redondela.
12.30 h Misa solemne cantada polo Grupo Anduriña de Baiona.
20.30 h Concerto da Banda de Música Municipal de Redondela.
22.00 h Gran verbena a cargo dos grupos CHÉVERE e ACIREMA.