Actualízase o arquivo municipal de Tomiño

O Servizo Técnico do Patrimonio Documental da Deputación de Pontevedra acaba de rematar un proceso de actualización da documentación transferida nos últimos anos dende as propias oficinas xestoras ao arquivo municipal de Tomiño, con 583 novas unidades de instalación e 73 metros lineais de documentación, que corresponde aos dous últimos anos. Esta actuación enmárcase dentro dun proceso de asistencia técnica permanente aos concellos en materia de patrimonio documental, que, no caso concreto do arquivo municipal de Tomiño, se iniciou en 1989 e se desenvolveu en sucesivas fases de profundización informativa e de actualizacións e informatización nos anos 1990, 1991, 1997, 2001, 2004, 2009. O resultado vén ser un conxunto documental organizado, debidamente instalado, de doado manexo e consulta e de conservación garantida, composto por un total de 4.264 unidades de instalación, con documentación principalmente do século XX, con datas extremas que van de 1893 ata o 2008. Dispón o arquivo dos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por 19.161 rexistros que describen a nivel de expediente a maior parte dos fondos.