"Aquele querido mês de agosto" e "A miña vida nas túas mans" triunfadoras do Filminho

Aquele Querido Mês de Agosto, filme de Miguel Gomes, e A miña vida nas túas mans, animación de Nuno Beato, comparten o Grande Premio Filminho. Diana Gonçalves, con Mulleres da Raia, leva o Premio Cinema Minhoto. De porta en porta foi o proxecto seleccionado no Fórum de Criadores para recibir unha achega económica para a súa realización. Ruínas, de Manuel Mozos, Mención de Honra do Tribunal. O Filminho 2009 pechou no Auditorio de Goián (Tomiño) a súa segunda edición coa Gala na que se deron a coñecer os gañadores. O xurado formado por António Victorino de Medeiros e Almeida, Manuel González, Paulo Manuel Ferreira da Cunha, Antonio Caeiro e Patrick Esteves decidíu entregar dúas fisgas, o galardón do Festival, de “Grande Premio Filminho”. As galardonadas con esta máxima distinción son a longametraxe de Miguel Gomes Aquele Querido Mês de Agosto e a curta de animación A miña vida nas túas mans, de Nuno Beato. Tamén existía expectación por coñecer quen se levaría a fisga do Grande Premio Minhoto, que recaíu na tudense Diana Gonçalves polo seu documental Mulleres da Raia. No Fórum dos Criadores, o proxecto seleccionado cunha achega de 2.000 euros de axuda para á súa realización foi De porta en porta, de Lino Fernández, Celso Iglesias e Lisi Fontaiña. Manuel Mozos, co filme documental Ruínas, acadou unha Mención de Honra do tribunal. Na ceremonia de clausura desta Festa do Cinema Galego e Portugués tamén recibiu os aplausos do público Édgar Pera, o cineasta lisboeta a quen se lle dedicou unha retrospectiva durante os cinco días de cine que se viviron en Goián e Vila Nova de Cerveira.

No hay comentarios: