PLAY DOC PRESENTA UN OBRADOIRO SOBRE A MIRADA DO FILMADO

Do 18 ao 22 de marzo vaise celebrar na cidade de Tui a quinta edición do Festival Internacional de Documentais Play Doc cuxa programación será presentada en breve. En tanto os directores do Festival veñen de facer pública unha novidosa iniciativa que van poñer en marcha nesta edición titulada “Tui adopta cineastas”. Un conxunto de novos realizadores terán que facer unha peza documental retratando a unha persoa, para o cal terán que convivir con ela na súa casa ao longo de 5 ou 6 días. Nesta edición buscan profesionalizar máis a aposta polos novos realizadores e ao tempo implicar máis á xente de Tui. Para iso os tudenses débense apuntar para ser protagonistas dun documental, e logo os novos realizadores elixirán o retrato que desexan facer. Para iso filmador e filmado convivirán -como se dixo- ao longo dos días do festival. Amais os novos realizadores asistirán a un seminario impartido polo lituano Audrius Stonys e por Marta Andreu da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. A convocatoria para participar, tanto para realizadores como para os tudenses que desexen vivir esta experiencia, estará aberta desde agora até o 28 de febreiro de 2009. Máis información en http://www.play-doc.com/