O Paseo da "Corredera", unha hipótese

Participei hoxe nunha agradable tertulia no programa matinal da Radio Galega, celebrada en Tui, sobre o propio Palco da Música, no céntrico “Cantón de Diomedes” para falar do Paseo da Corredera tudense, nun percorrido que realizan polas máis emblemáticas rúas de cidades e vilas de Galicia. Falar do Paseo da Corredera é falar do centro da vida social da nosa cidade, dese longo rueiro que é escenario dos principais acontecementos no devir colectivo tudense. É a ampla rúa para o paseo, para a tertulia, para o xogo dos cativos, para enterarse de canto acontece, para ver e ser visto (ou para mirar pois cos tudenses nunca se sabe)... un espazo público excepcional pola súa centralidade e amplitude, polo seu caracter peonil, que promove o encontro, a charla, o paseo... en definitiva un espazo único para crear comunidade, identidade, cidade. Amáis a súa propia configuración é case unha metáfora por leva aos seus paseante dende o interior da cidade histórica a unha ampla panorámica da veiga da Miño, e das terras galegas e portuguesas, en definitiva lembra perennemente aos tudenses que o camiño non remata na nosa vella cidade senón que cómpre sempre ollar ao horizonte. A participación neste programa ofreceume a ocasión de revisar notas e apuntes sobre esta rúa tudense e agromou de novo unha vella teima persoal sobre a orixe deste topónimo da “Corredera”, pois o nome oficial de “Corredoira” diría que case ninguén o emprega, nin aínda os galegofalantes. Segundo Ávila y Lacueva xa tiña este nome no ano 1290 designando a unha congostra existente xunto á muralla medieval, entre os camiños reais que partian dende a Porta da Pía cara Baiona e dende a Porta Bergán cara Porriño. Ou era unha corredoira que nacía no postigo das Estrabancas –única porta da nosa muralla medieval que se conserva, ocultada polo edificios do Cantón de Diomedes. Por outra banda, en moitas cidades da Península atopamos este mesmo nome para nomear rúas: Corredera. en castelán, e Corredoura, en portugués. Lembro agora exemplos como Vitoria, Jérez, Córdoba, Murcia..., ou Caminha no inmediato Minho portugués. Estas correderas ou corredouras teñen a súa orixe vencellada á presenza de feiras de gando e a existencia inmedita ás mesmas dun espazo amplo e, especialmente, longo onde correr aos cabalos, onde probar as súas condicións físicas nos días do mercado. Co tempo acolleran espectáculos públicos ou de pasatempo social. Velaí o significado das Correderas ou Corredouras.O diccionario etimolóxico Maria Moliner defiene unha das acepcións de “Corredera” como “sitio destinado a que corran por él los caballos. Algunas calles que lo fueron llevan ese nombre como propio”. Tamén en portugués enténdese por corredoura unha dupla acepción: lugar de passagem, mais ou menos largo ou lugar nas feiras, destinado às cavalgaduras (esta última coma veba propio do Alentejo). E sabemos que na nosa “Corredoira” celebráronse dende finais da Idade Medias as tres grandes feiras anuais con que contaba Tui: a de San Telmo, San Bartolomeu e Santo André (as dúas primeiras aínda hoxe conservadas como feiras de cabalos, cada vez con máis éxito e participación). Resulta pois consecuente que houbese un lugar ou espazo para “correr” as cabaleirias. A propia estructura da rúa, ampla e recta, resultaría desta funcionalidade. Non teño investigado verbo deste tema pero penso que esta hipótese non debe desbotarse; aínda que existise un topónimo medieval “corredoira” non é improbable que, andando o tempo, fose identificado con esta verba que designa unha función asociada ás feiras de animais, nomeadamente, de cabalos como as que se celebraban neste enclave. Se así fose ao noso principal paseo poderíamos chamalo con máis propiedade “Corredoura” en lugar de “Corredoira”. No século XVII este lugar, ata daquela fora do recinto amurallado quedou abranguido dentro das novas defensas urbanas levantadas con motivo das guerras con Portugal, existindo ao fondo da “Corredera” a porta de San Francisco, pola que accedía o camiño real que ía ao Porriño, Vigo e Santiago, e no século XVIII tamén a ruta cara Ourense e a Meseta. Houbo nesta rúa longa casas de fidalgos como os Correa, os Alemparte, estivo a Cátedra de Gramática (na zona dos soportais), o Hospital Real, o covento dos franciscanos, etc. Aínda hoxe conserva edificios egrexios como o antigo pazo dos marqueses de Mos (hoxe Xulgado), o seminario menor, o edificio do antigo casino (do arquitecto francés de asecendencia polaca afincado en Vigo Michel Pacewicz), o palco da música, as esculturas do Bispo Salvado (de Alfonso Quinteiro) ou os Cabalos de Xoán Oliveira. Nada mellor que rematar estes comentarios cos versos de Manuel Lago González nun poema titulado “Lembranzas da terra”:
Tui, a dos vellos amores,
na memoria lle surdía,
toda de flores cuberta,
toda de groria vestida,
coa súa gran Corredoura
donde a xente andaba e viña
antre regueiros de luces
y-antre mares de alegría.
Rafael Sánchez Bargiela
(Extraído da páxina web www.tudensia.blogspot.com)