O DEBUXANTE DE OS BOLECHAS, PEPE CARREIRO, OFRECEU UNHA CHARLA NO CENTRO SOCIAL POLIVALENTE DO ROSAL

Organizado polas concellarías de Cultura e de Educación do Rosal dentro da programación de abril como “mes dos libros”, o debuxante e humorista gráfico Pepe Carreiro estivo o mércores 15 de abril no Centro Social Polivalente. Ilustrador tamén para nenos ten acadado moita fama realizando a serie “Os Bolechas”, auténtico fenómeno cultural. E precisamente máis dun cento de rapaces e rapazas dos colexios do Rosal asistiron a unha pequena charla-obradoiro que o comiqueiro vigués ofreceu nestas dependencias municipais. Presentou o acto Isabel Franco Pérez, concelleira de Educación, quen fixo unha breve reseña biográfica do autor, para de seguido cederlle a palabra. Pepe Carreiro axiña conectou cos nenos e nenas presentes, ansiosos por ver reflectidos nas “pizarras” ás súas personaxes favoritas, isto é, aos seis irmáns: Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá, xunto ao cadelo Chispa. O coñecido debuxante foi explicando paso a paso como facía cada “Bolecha”, dende que comezaba co lapis ata que xa utilizaba o rotulador ou as correspondentes pinturas e cores. Ao final houbo unha quenda de preguntas onde os nenos e nenas “interrogaron” a Pepe Carreiro e o felicitaron pola creación desta serie. Máis de douscentos libros de “Os Bolechas” avalan a este prolífico autor, un traballo que comezou no xornal A Nosa Terra alá polo ano 2000 e que a día de hoxe ten unha acollida sen precedentes no panorama da literatura infantil galega.