Rafael Sánchez Bargiela / Tui
A Concellaría de Cultura do Concello de Tui organiza para os vindeiros días 13 e 14 de abril unhas xornadas conmemorativas do bicentenario da Guerra da Independencia na nosa localidade co obxectivo de ofrecer aos veciños e interesados un achegamento a este momento histórico de Tui. Os franceses chegaron á cidade tudense o 3 de febreiro e a abandonaron o 16 de abril, logo de tres meses e medio de ocupación, tempo durante o que os paisanos da bisbarra cercaron a cidade levantándose contra a ocupación napoleónica. Para afondar no coñece-
mento deste momento histórico do que agora celebramos o segundo centenario foron programadas unhas Xornadas de acordo co seguinte programa:
• Luns 13 de abril de 2009- Conferencia de José Navas Ramírez-Cruzado, director do Museo Militar de A Coruña: “La Guerra de la independencia en Galicia, operaciones militares”.
• Martes 14 de abril de 2009- Mesa redonda sobre “A Guerra da Independencia”- Participantes: Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial da cidade de Tui; Alberto Magno Pereira de Castro, historiador de Valença do Minho; José María Pélaez Valle, profesor da Universidade de Vigo; Modera: Rafael Sánchez Bargiela, historiador.
A coincidencia co calendario das festas de San Telmo ten obrigado ao Concello tudense a adiantar un par de días a celebración destas Xornadas para que non alterasen substancialmente o desenvolvemento das actividades programadas pola Comisión de Festas. Para o concelleiro de cultura a celebración destas xornadas trata de promover entre os tudenses o coñecemento do noso pasado histórico, nomeadamente os acontecementos vencellados á Guerra da Independencia, na que a nosa cidade como capital provincial tivo un especial protagonismo. Rodríguez Pérez amósase satisfeito do nivel dos participantes nestas Xornadas, especialistas todos neste período histórico. Estas Xornadas terán lugar no Telecentro de Tui, ubicado no primeiro andar do Edificio Área Panorámica, na rúa Colón, nº 2 da nosa cidade, ás 19.00 horas.