Amandine Beyer, Sabela García, Mª José Pámpano e Baldomero Barciela ofreceron un espectacular concerto na igrexa de Amorín (Tomiño)

Juan Ramón Martínez Barbosa / Amorín (Tomiño)
O sábado 6 de febreiro tivo lugar un extraordinario acontecemento musical na igrexa de Amorín. No concerto -que estivo organizado pola Asociación Veciños de Amorín coa colaboración da Federación de Asociacións Terra Miño- puidemos ver, entre outras personalidades, á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ao historiador e presidente do Instituto de Estudios Tudenses, Xoán Martínez Tamuxe, ao cantautor guardés Tino Baz ou ao director do coro Ecos do Folón, Jorge Fernández González. En canto ao espectáculo - que foi presentado por Mª Victoria Álvarez Fernández- os músicos Amandine Beyer, Sabela García, Mª José Pámpano e Baldomero Barciela, uniron o seu virtuosismo instrumental, para deleitar aos asistentes cun excepcional concerto. Nel, ofreceron unha selección de pezas de música barroca: Purcell, Pachelbel, Leclair… facendo soar os seus violinos barrocos e a viola de gamba. As actuacións que lles ocupan todo o ano, ao longo de todo o mundo, tanto a nivel de solistas, como integrando grupos musicais recoñecidos internacionalmente, xunto co seu labor de Mestres en diferentes conservatorios e as gravacións de discos, fixeron deste concerto unha ocasión irrepetible para poder disfrutar da súa arte.

Amandine Beyer
Nada en Aix-en-Provence (Francia), Amandine Beyer comeza a estudar música aos cuatro anos: primeiro frauta de bico e máis tarde violín na clase de Aurelia Spadaro. Aos quince anos entra no Conservatoire National Supérieur de Musique de Paris, onde obtén un Prémier Prix en 1994, ao tempo que cursa estudos de musicoloxía, que remata cunha tese sobre Stockhausen en 1996. Fascinada pola música antiga, prosegue os seus estudos na prestixiosa Schola Cantorum de Basilea (Suiza), coa violinista Chiara Banchini, recibindo ao mesmo tempo ensinanzas doutros nomeados profesores como Christophe Coin, Jesper Christensen, Raphel Oleg e Hopkinson Smith. O talento de Amandine é brillante e, aínda antes de rematar os seus estudos, comeza a súa carreira internacional como solista con diversas agrupacións (Ensemble 415, Le Concert Français), ao lado das figuras máis sobranceiras da música antiga como Giuliano Carmignola, Chiara Banchini, Pierre Hantaï ou desempeñando o papel de concertino en formacións como Al Ayre Español, La Fenice, Le Concert Français. No ano 2007 grava para Zig-Zag Territoires, a integral dos concertos para violín de Bach co seu novo grupo Gli Incogniti, disco que recibe excelentes críticas: Choc du Monde de la Musique, 10 de Repertoire. Un ano despois, no 2008, colleita os mesmos éxitos co seu novo disco adicado a Vivaldi.


Sabela García
É natural de Cabanas (A Coruña). Logo de rematar os seus estudos medios de violino no Conservatorio da Coruña, trasládase a Madrid, onde comeza a súa especialización en violino barroco no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Obtén o diploma de violino barroco na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Porto (Portugal) na clase da violinista Amandine Beyer, onde continúa a súa formación. Paralelamente aos seus estudos musicais acada a licenciatura en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Realizou numerosos cursos de perfeccionamento con Enrico Gatti, Chiara Banchini, Mira Glodeanu, Enrico Onofri, Isabel Serrano, Pedro Gandía, Eric van Nevel... Na actualidade preséntase como compoñente de diversas agrupacións de música barroca (Orquestra Barroca Norte do Sul, Orquestra Barroca da Casa da Música, Orquestra Barroca Ars Combinatoria e diferentes agrupacións de cámara (Udite Amanti, L’Universo Sommerso). Asemade forma parte dos grupos de música medieval Amar Contra o Silencio, Ars Combinatoria e Capela Compostelana.

Mª José Pámpano
Comeza os seus estudos de violino en Noia aos 7 anos de idade. Posteriormente obtén a súa licenciatura en violino moderno no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Decide especializarse no repertorio barroco seguindo os cursos de Ángel Sampedro e Mira Glodeanu na Academia de Música Antiga de Salamanca, estudando tamén con Manfredo Kraemer e Enrico Gatti. Na actualidade está finalizando un máster de especialización en violino barroco na ESMAE de Porto, onde presentará unha tese sobre a técnica violinística nos séculos XVII e XVIII. Realizou concertos coa Orquestra Barroca de Venecia, Orquestra Barroca da Universidade de Salamanca, a Orquestra Barroca Norte do Sul, Orquestra Barroca da Casa da Música e Capela Compostelana entre outros.

Baldomero Barciela
Tras realizar estudos de guitarra clásica e obter unha licenciatura en Historia da Arte, Baldomero Barciela comeza a estudar viola da gamba, primeiro con Ventura Rico para máis tarde perfeccionarse no Conservatoire National Supérieur de Lyon, con Marianne MULLER, onde obterá o seu Certificat d'Etudes Spécialisées en 1997. Como membro de L’Assemblée des Honnestes Curieux, gaña o primeiro premio especial do xurado presidido por Gustav Leonhardt, no Concurso Bonporti en 1998. Ten ofrecido numerosos concertos en Francia, España, Portugal, Austria, Italia e outros países europeos, participando en importantes festivais de música antiga como o de Urbino, Sablé, Théâtre du Châtelet, Innsbruck, Ambronay, Théâtre de la Ville…Realizou gravacións para OPUS 111- NAÏVE e Zig-Zag- Territoires, algunhas das cales obtiveron diversos premios da crítica internacional (Diapason d’or de l’année, Choc du Monde de la Musique, 5 estrelas Goldberg...). É profesor do Conservatorio de Música de Vigo.

No hay comentarios: