3ª MOSTRA DE TEATRO NON PROFESIONAL DO MIÑO‏, ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN CULTURAL FEIXÓ DE ARAÚXO


A Asociación Cultural Feixó de Araúxo, contando un ano máis coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade vén de divulgar as bases para a participación neste evento transfronteirizo levado a cabo en terras baixomiñotas. Despois de valorar os diferentes traballos presentados polas diferentes compañías teatrais galegas e portuguesas o xurado escollerá 6 pezas (premiadas con 700 € cada unha) que serán representadas nas vilas da Guarda e Goián nos días 24, 25 e 26 de Abril. A obra mellor valorada polo público asistente recibirá tamén un premio de 1000 €.

BASES

1ª. A Mostra de Teatro do Miño é organizada pola Asociación Cultural Feixó de Araúxo.

2ª. A Mostra celebrarase nas vilas de Goián e A Guarda os días 24, 25 e 26 de abril de 2009.

3ª. Poderá presentarse a esta convocatoria calquera grupo de teatro non profesional (escolar e afeccionado) con obras en lingua galega ou portuguesa.

4ª. Para participar deberán enviar, antes do 21 de marzo do 2009 a seguinte información: Datos do grupo (nome, enderezo, teléfono de contacto, e-mail). - Título da obra, autor e sinopse da mesma.- Condicións técnicas necesarias para a representación.- 6 copias gravadas en DVD da obra completa que se presenta á Mostra.

5ª. Os grupos poden presentar máis dunha obra pero só poderá ser seleccionada unha por cada grupo.

6ª. Esta documentación deberán remitila ao seguinte enderezo: Asociación Cultural Feixó de Araúxo. Mostra de Teatro do Miño. Paseo de Portugal, 21. 36780 A Guarda.

7ª. O xurado encargado de valorar os traballos presentados estará constituído por: a Presidenta da Asociación Cultural Feixó de Araúxo ou a persoa en quen delegue. -Profesionais do teatro galego e portugués. -Unha persoa designada polas institucións patrocinadoras.

8ª. De todas as obras que se presenten, o xurado escollerá seis, que serán as que participen na Mostra. Esta decisión comunicaráselle unicamente aos grupos seleccionados antes do día 14 de abril.

9ª. A cada un dos grupos seleccionados para participar outorgaráselle unha subvención de 700 € e un galardón conmemorativo da Mostra.

10ª. Destes grupos, aquel que obteña mellor valoración do público asistente obterá un premio especial do público de 1000 €.

11ª. A organización desta Mostra resolverá calquera circunstancia que non estea prevista nestas bases.

12ª. O feito de participar nesta Mostra, implica a aceptación de todas e cada unha das bases.