XIV Certame de Poesía na Escola

A Escola Comarcal de Teatro, cumprindo co seu compromiso de axudar a difundir a cultura e o teatro entre os máis pequenos participou esta fin de semana na entrega de premios do XIV Certame de Poesía na Escola, organizado pola Asociación de amigos da poesía do Baixo Miño.
No salón do Liceo Casino de Tui ante máis de 300 persoas cada neno foi lendo as súas poesías acompañados dun "mimo" da Escola de Teatro encargado de interpretalas. A sorpresa surxiu na última poesía escrita por Fátima Ezzhara de 14 anos, cando unha vez rematou coa súa poesía solicitou permiso á mesa do xurado para realizar unha interpretación improvisada co mimo da Escola de Teatro. A actuación foi moi aplaudida polo público asistente.